Chámase tradución automática ao proceso informático que traduce dun idioma para outro sen requirir a intervención humana. Normalmente o labor do usuario/a limítase a indicar o texto que desexa traducir, o seu formato, o idioma en que se encontra e para que idioma desexa que se traduza. Será a aplicación específica a que realice automaticamente a tradución.

Existen certos trucos que poden axudarche a obteres unha tradución automática de alta calidade. Estes son os consellos máis relevantes: Corrixe o texto orixinal antes de realizar a tradución. Un tradutor automático non é un corrector, polo cal os erros que teña o texto orixinal afectarán ao seu desempeño. Por exemplo, se traduces a frase “el tendria la libertad” obteremos como resultado “o *tendria a liberdade”, xa que "él" (pronome) e "tendría" (verbo) son palabras acentuadas en castelán e o tradutor identificou, respectivamente, como artigo (“el” sen acento) e como palabra descoñecida. As frases curtas e simples favorecen que as traducións sexan correctas, xa que é máis fácil evitar desta forma posibles ambigüidades. Un texto ambiguo resultará nunha tradución ambigua. Coida tanto a puntuación como a sintaxe, elementos fundamentais para a comprensión daquilo que se quere expresar e para a súa correcta transmisión. Evita as expresións coloquiais e idiomáticas xa que talvez causen confusión e dificulten a boa comprensión por parte da persoa tradutora/lectora e, ao mesmo tempo, provoquen erros na tradución. A revisión da tradución é fundamental xa que os procesos automatizados tenden a empobrecer o idioma.

A razón principal para que o tradutor deixe palabras sen traducir é que non se encontren recollidas nos seus dicionarios, e isto pode deberse a diversas causas: porque non son correctas (mal escritas, estranxeirismos etc), porque son pouco comúns ou de creación moi recente (tecnicismos, novas tecnoloxías) ou porque non se detectou a súa ausencia.

O asterisco que marca algunhas palabras indica que esas palabras non foron traducidas por non estaren presentes nos dicionarios do tradutor. As palabras mal escritas ou os estranxeirismos de uso pouco común tamén se marcan con asterisco, por iso é altamente recomendable revisar os textos ou pasarlles un corrector ortográfico antes de os traducir. Para ampliar os coñecementos lingüísticos do tradutor e, por tanto, os seus dicionarios, existe un formulario mediante o cal podes informar sobre palabras ou expresións ausentes.

Os símbolos #/@ poden pertencer ao texto orixinal ou ben indicar algún tipo de erro que se produciu á hora de construír os dicionarios do tradutor.

O tradutor está composto por unha serie de módulos polos cales pasa o texto introducido polo usuario/a de forma que o último deses módulos devolve o texto na lingua de destino indicada. O primeiro dos módulos separa o texto das posibles marcas de formato e o envía para o segundo, que o analiza morfoloxicamente e este para os seguintes dous, os cales, entre outras cousas, resolven posibles ambigüidades de significado e detectan o equivalente na lingua de destino consultando os seus dicionarios (ten tres: un por idioma e outro bilingüe). Após esas análises o texto pasa ao módulo de transferencia estrutural, que reordena as palabras ou secuencias de palabras segundo certas regras gramaticais que resolven as diverxencias entre a lingua de orixe e a de destino. Por último, xérase o texto xa traducido e devólveselle o formato de orixe.

É moi doado: primeiro tes que inserir o texto que desexes traducir na caixa de texto que podes observar nesta páxina, despois tes que seleccionar a dirección de tradución e premer o botón Traducir. Por exemplo, se o texto está en galego e o queres traducir para español tes que escoller Galego-Español na lista despregable que se mostra enriba da caixa de texto e, por último, premer o botón Traducir que se mostra debaixo da caixa de texto. A tradución mostrarase xusto debaixo da caixa de texto. Se queres que na tradución se marquen as palabras descoñecidas (palabras non presentes nos dicionarios do tradutor e que por tanto non traduce) para así poder revisalas posteriormente, tes que seleccionar a opción "Marcar as palabras descoñecidas".

Pódense traducir documentos nos seguintes formatos: docx, odt, rtf, txt, html, xlsx, pptx e po. Iranse engadindo outros formatos segundo se considere necesario ou en base ás peticións dos usuarios.

A tradución automática facilita a tradución de texto, documentos ou webs de e para idiomas que o usuario/a non precisa dominar. Desta forma favorécese a comunicación e/ou o acceso á información independentemente dos coñecementos lingüísticos da persoa usuaria ou destinataria.

Para traducir documentos de texto nos formatos admitidos (docx, odt, txt, html, xlsx, pptx) debes ir á esta páxina e alí escoller primeiro a dirección de tradución (por exemplo, Galego-Español se o que desexas é traducir un texto en galego para español). A seguir é cando se selecciona o documento que se vai traducir, para iso hai que premer en Examinar..., que abrirá unha xanela onde podes navegar ata localizar o documento concreto. Se queres que na tradución se marquen con asterisco as palabras descoñecidas (palabras non presentes nos dicionarios do tradutor e que por tanto non traduce) para así poder revisalas posteriormente, tes que seleccionar a opción "Marcar as palabras descoñecidas". Por último, preme "Traducir" e ao cabo duns segundos aparecerá no escritorio do teu computador un ficheiro que terá o mesmo nome que o que enviaches a traducir mais co engadido _trad para así o diferenciar do orixinal. O tempo de espera dependerá do tamaño do arquivo.